Mostrando entradas con la etiqueta editorial. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta editorial. Mostrar todas las entradas

martes, 10 de enero de 2012

revolta irmandiña nº 2 - 3 EDITORIAL [12-2011-1-2012]

* Sae hoxe, 10 de xaneiro, a revista correspondente aos números 2 (decembro de 2011) e 3 (xaneiro de 2012) da Revolta Irmandiña, voceiro do Grupo de Traballo de Mocidade do Encontro Irmandiño. 
Podedes descargala directamente aquí ou ir lendo as seccións nos enlaces deste editorial.

Comezamos 2012 coa vista posta na XIII Asemblea Nacional do BNG, que para o Encontro debe ser un punto de inflexión, unha asemblea de refundación que permita sentar as bases dun BNG útil para a maioría social do pobo galego, como comentan Martiño Noriega ou Mario López Rico.

“O desgaste e desvirtuación que tivo ao longo destes anos fan necesaria unha refundación que poña á nosa organización en condicións de afrontar os novos retos e de asumir ser ese novo referente político que represente á inmensa maioría da sociedade galega que o precisa con urxencia.”

Son moitos os retos para este ano - a caída do estado do benestar, o afondamento da fenda entre ricos e pobres, a crise alimentaria global, etc - que fan máis urxente a rexeneración do BNG para facelo un instrumento político útil para ese 99% da sociedade que estamos a padecer as consecuencias peores dunha crise que non provocamos nós. E, para iso, como di o Beiras, “ou facemos profesión da ética, da solidariedade, da fraternidade e da igualdade, profesión e práctica dos principios republicanos en clave da nosa nación ou seremos falsos, mintiráns, e non seremos bos e xenerosos e estaremos, mal que ben, traicionando aos nosos ancestros”. Precisamente, como non poidemos facer a entrevista prevista a Xosé Manuel Beiras para unha semana antes da súa homenaxe en Compostela, trascribimos neste número de decembro de 2011 e xaneiro de 2012 o seu discurso en dito acto, onde afirmou cousas coma a que vimos de citar [páx. 31].

Como cadra que este número da revista se rematou o 7 de xaneiro, no 62º aniversario do aniversario da morte de Castelao, ofrecemos na sección “Coñecermos os clásicos” algúns fragmentos do noso clásico, o Sempre en Galiza [páx. 26].

Neste tempo en que se evidencia a fin do ciclo político da “Transicíon Española”, cociñada dende arriba e frustrando unha verdadeira ruptura democrática co réxime anterior, reflexionamos sobre o papel da CIA en dito proceso [páx. 18], a verdadeira face da Monarquía [páx. 19], a crimizalización do independentismo [páx. 14] ou o desdén do estreado goberno do PP polas conquistas sociais, coma o dereito á baixa por maternidade [páx. 17], todo isto na sección “Opinión: do Estado”, ao que engadimos un interesantísimo artigo de Juan Torres López: “Apenas a esquerda ou mellor todos os de abaixo” [páx. 15].


En “Opinión: do mundo”, tres artigos sobre os Estados Unidos de Amércia para comprender as orixes da crise [Vicenç Navarro - páx. 24] e o derrube político e moral do centro do sistema, co artigo de Gregorio Morán sobre o soldado Manning [páx. 21], encarcelado por divulgar as suxas mañas dos EUA en Irak.

Neste número, a sección Coñecermos Galiza versa sonbre o mundo ribeirao de Parada de Sil e a Folla de poesía revolucionaria fornécese de tres novos poemas de Antom Fente e Jorge Pérez Arias.

O asemblearismo como principio político-ideolóxico irrenunciábel

Facemos do asemblearismo o tema central deste número de decembro de 2011, pois a XIII Asemblea Nacional do BNG é “a derradeira oportunidade para un BNG útil” para quen defendemos este modelo organizativo non só como instrumento para a convivencia dentro da organización, senón como principio ideolóxico-político básico, considerando á persoa militante como cidadá “libre para poder exercer os seus dereitos e asumir as súas obrigacións en primeira persoa” e porque, nunha nación sen estado, “o BNG era un aparato de Estado indispensábel para esta sociedade (cidadanía), pois non contaba con outra forma de representación soberana”, como explica Raúl Asegurado no seu artigo [páx. 9].
Na mesma liña vai o artigo de X. Manuel Beiras repescado este mes “As chaves mestras do proxecto común”, que se pode ler na páxina 7.

Sigue na web do Encontro Irmandiño as “crónicas preasembleares”

Neste momento previo á NOSA (a de toda a militancia, a de toda a cidadanía) asemblea de refundación é precisa a transparencia fronte ás trabas que o aparato do BNG está a poñer para que esta asemblea sexa participativa e de verdadeiro debate: criterios dispares sobre actualización de cotas, necesidade de anotarse cun escrito asinado para participar na asemblea, pretensión de cambiar o regulamento para que unha asemblea inicialmente prevista só con debate en pleno teña agora comisións...

Tamén neste número (2-3): 

- O coñecemento contra a crise - Bieito Barreira

- Asemblearismo Sempre Máis - Paula V. Verao

- New Brave Galiza - Antom Fente Parada

- O BNG, Tolkien e a Terra Media, xogo de comparanzas - Paco Gallego

- O falido golpe de Wall Street en 1934 - Michael Donnelly

- Reserva camisola do Encontro Irmandiño

- 15-M O pobo indignado, reseña de Antom Fente Parada

Colabora no noso voceiro

Podes formar parte deste proxecto participando no Consello Editorial, enviando os teus artigos para publicar ou ben Cartas ao Consello Editorial, todo no enderezo electrónico mocidade@encontroirmandinho.org

* As fotos deste número son de Manoel Santos [páx. 8], Paula Vázquez Verao [sección Coñecer Galiza], do arquivo Creative Commons da Rede e da web do BNG [páx. 6 e 13].

miércoles, 30 de noviembre de 2011

EDITORIAL [11-2011]

Iniciamos con este número de novembro de 2011 a terceira etapa do voceiro Revolta Irmandiña, co ánimo de dotármonos dun novo instrumento encamiñado a mellorar a nosa formación, a de toda a militancia do Encontro e especialmente das mozas e mozos que simpatizan ou militan no EI. Por iso, compuxemos un Consello Editorial para este voceiro, a revolta irmandiña, e máis para o blogue Á revolta entre a mocidade, tentando así gañar en transparencia, calidade e utilidade, Consello Editorial que segue aberto a colaboracións.
           
A nosa vontade é que o voceiro da mocidade irmandiña, a revolta irmandiña, saia en formato dixital unha vez cada mes - e, de cando en vez, algunha edición en papel para ocasións especiais -.

Ademais da sección de Opinión - da Galiza e do Mundo - temos un espazo para as comunicacións do Encontro Irmandiño e outra coas actividades do Grupo de Traballo de Mocidade desta organización.

No aspecto máis estritamente formativo, incorporamos as recomendacións de libros e a sección Coñecermos os clásicos, onde iremos disponibilizando textos clásicos da tradición da esquerda e do galeguismo. Desta volta comezamos cun de Antonio Gramsci, mais da súa xuventude. Non podía ser doutro xeito, abrimos cun mozo intelectual porque queremos que a nosa sexa unha revista formativa para a nosa militancia, pois unha das grandes eivas da esquerda europea actual é o seu baixo nivel de formación cotexándoa con xeracións anteriores de militancia. Esa é unha grande e dramática vitoria do sistema, pois descoñecer o capital cultural da esquerda nas súas diversas loitas e etapas é ficar un pouco máis eivados para elaborar estratexias e respostas aos retos aos que nos enfrentamos. Amais, é un texto de grande actualidade pois o movemento dos  “indignados” aliméntase cada día máis aínda que superara a etapa da manifestación espontánea das prazas sen dar entrado na fase da “rebelión” e da “organización”, ou sexa trascender a “sociedade civil” para chegar á “sociedade política” e desde aí tomar o instrumento de clase que é o Estado para mudar o actual estado de cousas. “Sociedade civil” e “sociedade política” son precisamente categorías que tamén lle debemos a Gramsci, así como “hexemonía” presente nos textos asembleares da III AN do Encontro Irmandiño.
Serán seccións fixas a Entrevista, desta volta a Raúl Asegurado, que fala sobre banca ética, Coñecermos Galiza, que comeza coa “Compostela agochada”, e a Folla de poesía revolucionaria.

Boa leitura!

As eleccións do 20-N

Lamentamos a maioría absoluta da “caverna española” que representa o Partido Popular polo que supón de perigo para os dereitos democráticos e para o benestar das maiorías sociais que van ser duramente agredidas.

Valoramos positivamente que Galicia conserve representación nas Cortes, polo que supón para o noso País cando menos seguir contando con representantes nas instancias estatais, precisamente nun momento no que se produce unha meirande presenza doutras forzas nacionalistas do resto do estado, especialmente das forzas políticas vascas.

Finalmente, lamentamos que o BNG, cunha baixada de perto de 30.000 votos, fose incapaz de recoller a sangría que o PSOE tivo pola esquerda e que foron a engrosar os números de Izquierda Unida que duplica a súa forza electoral na Galiza, mentres o nacionalismo, en teoría mellor preparado para recollelos, fica cunha perda de votos significativa.

Cara a refundación do BNG

No Encontro vimos defendendo dende 2006 unha necesaria rexeneración ética e política do BNG para que volva ser un referente político da sociedade galega máis consciente, que teña vontade de liderar un proceso emancipador, no plano social e nacional, e que materializamos nas nosas propostas para a Asemblea Nacional do vindeiro xaneiro.

Colabora no noso voceiro

Podes formar parte deste proxecto participando no Consello Editorial, enviando os teus artigos para publicar ou ben Cartas ao Consello Editorial, todo no enderezo electrónico mocidade@encontroirmandinho.org

As fotos deste número son de X. M. Pena [páx. 8-25-30-31], Jorge Pérez Arias (portada) e de Paula Vázquez Verao [páx. 6]. O resto son tiradas da Rede, salvo as da sección Coñecer Galiza, que son de Juan G. Segade.