Desque decidín reeditar eiquí dous artigos meus de hai dous anos e pico até hoxe mesmo, aconteceron feitos que mudaron súpetamente o panorama do nacionalismo galego. Mudanza para ben, mudanza espranzadora. Eses dous artigos formaban o remate dunha serie tiduada “Novas e vellas fómulas políticas”, e publicada no Galicia Hoxe no outono do 2006, coincidentemente co último proceso de Asemblea Nacional do BNG. Tentara daquela desenvolver públicamente, e xa que logo a plena luz, unha espida reflexión encol dos que consideraba seren problemas cardinais a resolver pola grande orgaización frentista do nacionalismo galego nunha encrucillada decisiva para a andaina do seu proxecto político emancipador. Hai agora menos de duas semanas que decidín ofrecervos de novo aas dúas pezas finais desas matinacións, poisque -dixéravos- consideraba oportuno repensarmos o seu contido na dramática conxuntura na que nos atopabamos, tanto o nacionalismo coma o povo galegos, despois dos comicios do 1 de marzo.
A mudanza á que veño de referirme aconteceu xusto a víspora de saír eiquí o primeiro deses dous artigos, cando xa il estaba no prelo do GH, nunha sesión, coido que histórica, do Consello Nacional do BNG*. Penso agora que, despois dese acontecemento, a leitura do meu texto suscitaría connotacións diferentes e máis diáfanas das que tería poucos día antes: no canto dunha advertencia recriminatoria podía transparecer millor a sua índole de contribución analítica ao proceso de reflexión colectiva que, por fin, viñamos de encetar. Cara ese mesmo norde vai orientada estoutra que vos ofrezo hoxe, confiado como estou en que así será entendida e interpretada.
* Despois da derrota do BNG nas eleccións galegas de 2009, e tras a saída pública de X. Manuel Beiras, en nome do Encontro Irmandiño, pedindo a demisión da Executiva e a celebración de Asemblea Nacional, o Consello Nacional convocou unha Asemblea Nacional Extraordinaria que, como logo se vería, celebrada polo sistema de delegados/as, pechou en falso o proceso de reflexión pedido por Beiras no seo do nacionalismo [NOTA DE A REVOLTA IRMANDIÑA].
***
As rebelións irmandiñas do século XV abren a entrada da Galiza na idade moderna cunha derrota popular. Servos da gleba, burgueses libres das vilas e cidades, e fidalgos das capas baixas nobiliarias, forman a alianza das clases populares do entón -diríamos hoxe- que se erguen contra os magnates e prelados feudais. Iles foron os "mártires e rebeldes" da "insumisión galega" -na elocuente rotulación formulada por Emilio González López dende o exilio dos ilustrados vítimas do trinta e seis. Nun contexto histórico no que os conceitos de nación e esquerda aínda non se definiran, iles foron a nación, como povo que se audotermina frente ao poder castellano, e foron a esquerda, como forza revolucionaria pola liberación social.
Na revolución galega do 1846, Faraldo e os mártires de Carral encarnan a nación galega que esperta do seu
sono de tres séculos, e encetan a andaina do nacionalismo emancipador contemporán. Dous anos antes da revolución europea do 48, son protonacionalistas demócratas, republicanos e de esquerda no seu contexto sociohistórico. Como o serán moi axiña Murguía, o Pondal do banquete de Conxo e a Rosalía de Castellanos de Castilla, A xustiza pola man ou o limiar de Follas Novas. Republicanos e de esquerdas érano os agraristas e os abolicionistas que combaten cos labregos contra os foros, dende Curros, o excomungado, ou Paz Nóvoa, o defensor da Rosalía tola, até o Basilio da Acción Gallega e o Cabanillas de Vento mareiro e Da Terra asoballada. Asamblearios, progresistas e republicanos seráno os nacionalistas explícitos das Irmandades da Fala que, a partir da Asamblea de Lugo (1918) e as seguintes, edificarán a orgaización política do nacionalismo contemporán que acabará articulándose no Partido Galeguista, hai esactamente 75 anos. Demócratas asamblearios e republicanos serán os autores do Estatuto do 31, do SEG, que definen ao povo galego como suxeito dun poder político soberano e a Galiza como Estado libre nunha república federal-confederal. Creentes ou agnósticos, serán republicanos e frentepopulistas Castelao, Bóveda e tódolos demáis mártires da "alba de groria" entebrecida en sangue por Atila -tal como volvería facer hoxe, se puidese, a insania da dereita ultramontana española no Estado e na Galiza.
Quero dicir con isto todo que o BNG non inventou os valores, postulados e principios éticos, ideolóxicos e políticos nos que fundamentaou a sua constitución nacionalista en 1982. Tomounos da tradición de século e meio de nacionalismo galego explícito ou tácito. Da tradición que invocaba Castelao. Da tradición no senso máis progresista do conceito, no senso de que non hai vangarda sen tradición, na política como nas artes. No senso de que non hai proceso revolucionario nen emancipador que non afunda as suas raigañas nos fondais da Historia dos povos e da humanidade, do "xénero humán" que convoca a Internacional, da "nación de Breogán" que Pondal exorta a ser "a lús para a caduca Iberia". Non son principios exclusivos do BNG fundado e construído dende 1982. Son enerxía motriz dos cadoiros e fervenzas do nacionalismo galego como corrente histórica dende as suas orixes, sexan cais fosen os termos que os expresaban en cada intre. Son portanto valores e principios dobremente irrenunciábeis, por seren constitucionalmente consustanciais co BNG, e máis por seren patrimonio da tradición democrática nacionalista transmitida até nós por Castelao.
Ora, eses valores e principios primordiais son:
* Irmandade, ou sexa, fraternidade, como democracia horizontal na base popular dos revolucionarios franceses de 1792, indispensábel para a igualdade real dos cidadáns.
* Soberanía popular direitamente exercida, e portanto réxime asambleario con voz e voto dos cidadáns e cidadás militantes nas decisións congresuais.
* Democracia participativa, e portanto movementos sociais incardinados no proxecto estratéxico, e máis seguimento activo e control dos mandatos conferidos aos representantes eleitos polas asambleas de militantes.
* Esquerda, como vector direicional das transformacións sociais emancipadoras.
* E república. Sí, república, como exclusión de calquer dominación e calquer tabú sobre a liberdade e igualdade dos cidadáns do común.
Eses valores e postulados éticos, ideolóxicos e políticos teñen que ser peares de calquer movemento emancipador que pretenda ser vangarda arraizada na tradición, que pretenda ser moderno -e non post-moderno, é dicir, históricamente progresista e non involucionista. Por certo: digo isto na orientación que Callinicos atribue á Ilustración radicalizada, "de usar a razón para comprender, controlar e transformar" as forzas actuantes, "a que fornece a única guía axeitada a traveso da modernidade, na que aínda nos atopamos pesia as proclamacións dos post-modernistas" -e escusádeme por este pinchacarneiro fóra de órbita do meu discurso. Recupero o fío: A eses valores e postulados debe axustarse, para servilos, calquera fórmula política calificábel de nova, anovadora ou renovadora para a emancipación nacional e a transformación social do noso povo -para propulsar o avance histórico da sociedade e a nación galegas, para o nacionalismo navegar avante no canto de camiñar de recú.
Velaí, ao meu ver, as chaves mestras para proxectarmos a acción nas catro dimensións cardinais ás que me eu refería na anterior etapa destas matinacións. Primeira, a da realidade presente. Porque o croquis da actual fisonomía sociopolítica galega ten que reflectir mudanzas relevantes nas estruturas sociais: dende un campesiñado outrora maioritario, e hoxe en trance de exterminio etnocida, até unha clase obreira masivamente trasvasada aos servizos por unha inorde terciarización da base económica, e máis unha apenas encuberta proletarización do pequeno empresariado nen-tan-sequer-autónomo.
Segunda, a do proxecto político. Porque a fase actual do proceso de autodeterminación encárase á ineludíbel necesidade dunha reforma constitucional no Estado, se queremos que a invocación do seu carácter plurinacional non fique reducida á condición de xaculatoria estéril e, por riba, enganadora da consciencia identitaria do común galego. Terceira, a do modelo. Porque o deseño frentista do BNG acaba de sobreviver mercede a unha metamorfose da sua pluralidade no proceso congresual inda non concluso -esclerosadas as suas pezas partidarias convencionais, e até sustituídas as máis obsoletas pola emerxencia de formas grupais "críticas" de nova índole. E tamén porque a erosión dos dereitos decisorios da base militante foi freada, e aposto que vai resultar reversíbel. E cuarta, en fin, a do contexto. Porque -"que queiran, que non"- a corrente de fondo dos povos e os cidadáns en loita contra a tiranía ultraliberal dos poderes globalizadores vai proseguir o seu curso e, como outrora na lancha das mocedades Ultreias, "toda Galiza vai nela". Aquil berro baril de Castelao, "sodes uns imperialistas fracasados", ten hoxe vixencia universal no presente histórico da humanidade -e nese presente que vai avante na construción da historia de nós, insírese a célula de universalidade que é a Galiza, así definida polos nosos ancestros, mártires e rebeldes do nacionalismo republicán que foi semente nos que inda hoxe vivimos e seguimos a loitar.
Amen.
No hay comentarios:
Publicar un comentario