domingo, 8 de enero de 2012

O coñecemento contra a crise

Bieito Barreira

Moito se ten falado da falla de coñecementos teóricos a nivel económico nestes tempos de crise. O certo é que nese aspecto o sistema e mais a televisión fixeron moi ben o seu traballo, emparvar o máximo posible a unha parte moi importante da sociedade á que a día de hoxe lle importa máis o que diga pola tarde un tal Jorge Javier ca que no seu estado se reforme a constitución nun tempo record. Penso que mentres sigamos nesta tónica a melodía non vai acabar de soar ben.

O pasado Mércores 21 sorprendeume gratamente ver como se enchía o Salón de Graos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais nunha charla – coloquio sobre a crise do Euro que a asemblea da Liga Estudantil Galega organizou con personalidades como veñen a ser Xavier Vence, Xosé Manuel Beiras e Camilo Nogueira.

Ante este acto saco a nivel persoal un par de conclusións. Unha delas é que o traballo que se leva a cabo nas facultades polo movimento estudantil non pode caer en saco roto. O traballo dunha asamblea como é a de económicas, nunha facultade de máis de 2500 estudantes, é facer país. Xente comprometida buscando sempre a visión crítica, abrindo portas e creando pontes con todo movimento social que se preste a falar. Unha asamblea aberta onde a democracia horizontal prima sobre todo o demáis.

Outra conclusión que se pode sacar da charla do día 21 é que o pensamento crítico está aí, existe. Non teñamos medo a achegarnos a el. Ese medo vai desaparecendo paseniño con actos coma este (había xente de pé). Hai que achegarse a ler, preguntar, falar, debater. É necesario que agora máis ca nunca nos preguntemos as razóns das cousas e os motivos polos que suceden os ataques que padecemos.

Polo demais, podo asegurar que a charla foi do nivel dos seus poñentes, espectacular. Comezou Xavier Vence Falando da unión económica e dos motivos da crise da deuda soberana, o sistema bancario internacional e o funcionamento do sistema financiero en xeral. Toda unha clase de economía, máis desa que non se acostuma a escoitar nas facultades.

O segundo en concordia foi o Beiras. A el tocoulle falar da crise social que está a vivir a unión económica. Explicando que a unión social faise por abaixo mentres que a uníón financiera se fai por arriba, sen atender as particularidades dos pobos e sen respetar os principios democráticos que deberían rexir Europa, esa Europa na que por querer facer un refrendum os mercados pápante.

Para rematar falou Camilo Nogueira que nos falou da crise política que vive Europa. Ofreceunos unha visión cando menos interesante dende unha perspectiva privilexiada, xa que el foi Eurodiputado.

É preciso lembrar que a formación hoxe está ao alcance de tod@s, que calquera pode acceder ao coñecemento dunha maneira relativamente fácil, que con vontade todo se consegue. Actos como o do Mércores 21 fan que sexa un pouco máis fácil, mais non baixemos a garda, de momento o “Sálvame” emítese a diario…


No hay comentarios:

Publicar un comentario