martes, 10 de enero de 2012

Carta dunha nai a Soraya Sáenz de Santamaría

* Tirado de http://molinos1282.blogspot.com e traducido por nós.

Querida:

Ferveume o sangue, renxéronme os dentes e cravei as uñas nas mans cando te vin o domingo na televisión sorrindo á pantalla e vendendo fume político mentres respondías as preguntas dicindo “el crío”.

Antes de que penses que esta é unha crítica gratuíta de alguén que non comparte as túas ideas políticas direiche que a hostilidade que me provocaches non ten nada que ver co teu perfil político. Vai por outro lado... e é moito peor.

Aposto a que pensabas que aparecer publicamente no teu “traballo” unha semana despois de dar a luz ía ser considerado unha actitude exemplar, un modelo a seguir. Aposto a que pensaches que cando a xentete vise, ía dicir: “Míraa, que responsable e que sacrificada, unha semana despois de dar a luz e xa está no seu posto de traballo, dándoo todo polo país”. “É unha tía na que se pode confiar porque é traballadora e responsable”.

Seguro que pensaches iso, e estabas tan contenta. Vouche a explicar o que significa que ti esteas currando a unha semana de dar a luz. Vou explicarche moi clariño as implicacións que ten o teu sentido absurdo da responsabilidade e as túas ganas de pegar a cara.

1 - Conseguir que as mulleres tivesen dereito a un permiso de 16 semanas para coidar dos seus fillos, custou moito traballo e esforzo. Esixiu concienciar aos empresarios e empregadores do necesario que era ese período de tempo para coidar ao bebe. Son 16 semanas, sei que se poden facer longas por propia experiencia, pero tampouco son un período tan longo como para que non puidesen pasar sen ti no teu supercurro. Que ti aparezas á semana de dar a luz no curro, o que di é: “as 16 semanas son superfluas, pódese volver a currar en calquera momento”.

2 - Lamentablemente suponse que ti debes dar exemplo a alguén. Tranquila que non son moitas mulleres as que te teñen como exemplo, pero igual que se supón que un político debe ser un exemplo de honradez, unha muller na política debería dar exemplo do importante que é saber conciliar, esa palabra coa que vos enchedes a boca todas. O teu exemplo é: “eu non sei conciliar e basicamente pélama, deixo ao neno e véñome a repartir ministerios e limpar as cadeiras onde estaban os outros e agora van estar os meus”.

 
3 - A túa aparición recentemente parida di: “Teño que volver ao curro rápido porque se non o mesmo cando volva despois do permiso ao que legalmente teño dereito me quitaron o traballo”. Que, traspasado á xente normal, quere dicir: “se vós colledes o permiso que legalmente vos corresponde o lóxico é que cando volvades vos deixaran de lado no voso traballo”.

4 - Xa sei o que me vas a dicir: “é que o meu traballo ten unhas circunstancias concretas, é importante, é vital”. Se, xa sei, tes a síndrome de “o meu traballo é darlle ao ON do sol para que a humanidade arrinque cada día”... Pero teño malas noticias para ti: o teu traballo é exactamente igual de importante que moitos outros e moito menos importante que algúns que se me ocorren. Ou vasme dicir que xogar a conspirar, dar roldas de prensa, facer interpretacións torticeiras da realidade e mirar canto poder tes na carteira é máis importante que, por exemplo, ser cirurxiá de transplantes, profesora, enfermeira ou calquera outra cousa desas que de verdade serven para algo.
Aínda así, o importante disto non é se o teu traballo é ou non é vital para a humanidade, se ti estas contenta, por min estupendo. O grave é a mensaxe que dás: “vós piltrafillas cos vosos postos de caixeiras, secretarias, comerciais, dependentas, administrativas de calquera clase, enxeñeiras, arquitectas, ópticas, químicas, físicas, podedes ter un permiso de 16 semanas porque á fin e ao cabo os vosos traballos son pouco importantes. Eu, como son guay e quero ser máis guay aínda, non podo coller esas 16 semanas.” É dicir, “se queredes ter un bo traballo de responsabilidade e que vos respecten, amigas, non collades a baixa de maternidade”.

Anos de pelexar por algo ao puto lixo polo teu afán de protagonismo.

5 - Conciliación é unha palabra que na túa boca soa a insulto. Conciliar non é o que ti fixeche. Cando estás forrada de pasta como para ter axuda na casa que quede co teu bebe RECÉN NADO ou no teu curro son tan comprensivos como para levarcho alí ao despachiño de 50 metros cadrados, iso non é conciliación. Conciliar, raíña moura, é gañar 900 euros, que non che dean praza nunha gardaría pública, que a túa familia viva lonxe e non poidan ocuparse do bebé e ter que currar 8 horas cravadas sen posibilidade de dicir: “ui! non veño que o bebé está malo”. E, a pesar de todo, conseguir organizarte para ser boa no curro e ocuparte dos teus fillos. Quero dicir que se buscas conciliar no dicionario, xamais sairá a túa foto.

Para que vexas que non son tan malvada como para dicirche que deberías terte privado da festa polo triunfo, entendendo que quixeses ir celebralo á oficina, cos teus amigos e os teus colegas. Ter un neno non significa non saír de casa para nada, pero, o que te delatou querida, é que ti non querías só participar da festa, querias pegar a cara, ser o perexil de todas as salsas, que quedase claro que ninguén ía quitarche o sitio, aínda á conta da túa maternidade e do teu “crío”.
Por suposto que, que esteas saltando a lei que establece que as 6 primeiras semanas son de OBRIGATORIO descanso para a nai.., xa nin o considero, porque total? para que vai cumprir a lei unha muller que se supón que ten e vai ter un papel fundamental na promulgación das leis durante os próximos 4 anos? Bobadas sen importancias… E, xa se sabe, quen fai a lei fai a trampa.

Fódeme até o infinito o uso torticeiro, interesado e fóra da realidade que facedes do embarazo e a crianza. Coa vosa pose o único que conseguides é pisar o que conseguiron outras, burlarvos dos esforzos diarios de mogollón de nais que traballan fóra de casa, ás que lles mola o seu curro, queren facelo ben, teñen ambicións por
mellorar e á vez coidan dos seus fillos o mellor que saben.
O peor non é que me parezades unhas memas, o peor é que nos tomades ás demais por memas.
Agora, estou a esperar a próxima entrevista  na que digas que “a maternidade é o máis importante que che pasou, que che cambiou a vida e que como todas as mulleres tes que facer malabarismos para conciliar o teu papel de nai e traballadora”.

Xa me estou escarallando coa risa... por non chorar.



No hay comentarios:

Publicar un comentario