domingo, 8 de enero de 2012

O BNG, Tolkien e a Terra Media: xogo de comparanzas...

Paco Gallego

É quizais O Señor dos aneis a obra literaria máis importante da segunda metade do século XX. Se empregásemos unha linguaxe deportivo-futboleira diríamos, como no caso do fóra de xogo, que aquí conflúen posición e influencia. Isto é, e volvendo ao literario, é unha obra impresionante na súe escrita, no texto, no pretexto e na intertextualidade, así como é importantísima na mesma medida a enorme influencia que tivo e que xerou toda unha serie de imitacións e analoxías máis ou menos acertadas. É unha das poucas obras que comecei a ler de novo unha vez cheguei ao seu final. Outra é Fundación e Terra de Asimov.

Se collemos a triloxía de Tolkien por riba veremos máis dunha concordancia coa historia-histeria que vive a máis importante organización política propiamente galega, o BNG, nestes últimos anos. A súa deriva, para os que nunca dubidamos á hora de sumar esforzos, capacidades e cariño ao proxecto de transformación social e nacional que conlevaba, lémbranos aquelas palabras de Theoden, Rei de Roham, cando se pregunta antes do ataque de Saruman ao abismo de Helm: "Como puidemos chegar a isto?". Quen é, no BNG, ese Theoden? Imos xogar, se queredes.

Din os críticos que en O Señor dos aneis o autor retrata, entre liñas interpretativas, a loita entre a vida "natural", case primixenia, en permanente contacto e comuñón coa natureza (hobbits) -unha especie de Inglaterra idealizada- contra o novo mundo da destrución tecnolóxica, do culto ao líder, da disciplina bañada en sangue e do capitalismo agresivo e rampante, representado na obra por Mordor e na realidade pola Alemaña de Hitler, o Señor Escuro. Os seres humanos, a medio camiño entre unha opción e outra, son os trunfantes da historia do anel. Os novos donos do mundo, que DEBEN estar ben dirixidos. Hai certo fascismo de baixa intensidade en todo isto. Algo así como Baroja, que defendía unha ditadura de intelectuais. Unha "boa" ditadura. Digamos que se os humanos somos dirixidos por xente como Aragorn todo irá ben. Se nos dirixe un Senescal como Denethor II, imos de cú. Quen son, no BNG, Aragorn e Denethor II??? Seguimos xogando, se queredes.

Dentro deste universo inclúense os Elfos, señores que teñen cabalgado moito, máis e mellor pola Terra Media (Unidade Galega e PNG, por exemplo?) e dos que poucos xa quedan, aínda que valerosos e fieis, ou os Ananos, os que viven nas covachas, afastados voluntariamente do que acontece o seu redor, e son un tanto particulares e pouquísimo socializados (@s afastad@s/excluíd@s pola aba esquerdo-soberanista?). Por último está Gandalf, primeiro "O Gris" e logo "O Branco". É tan impactante o paralelismo que estou seguro de que xa sabedes que é Gandalf no BNG, non si? Se sabedes quen é Gandalf, supoño que xa imaxinades quen é Aragorn. Frodo podería ser eu. Tamén ti, que conste.

Non se me escandalicen, por favor, pero quen detenta o poder, que tecnocratiza esta organización nacida "natural", quen somete, quen constrúe para destruír é, en boa medida, quen manda agora no BNG. Dáme o mesmo Sauron ou Saruman. Danme o mesmo orcos que Uruk-Hai. Non hai máis proxecto para a Terra Media que o seu control absoluto, quede despois esta no estado calamitoso que quede. Todos temos certa pena do pobre Gollum, en permanente camiño de autodestrución por obter unha bagatela, un anel. Pobre, si.

 
Pero no caso de Mordor, conquistar para destruílo todo resulta abafantemente miserable. Négome, como Hobbit, a soportalo, a contempalo desde a barreira. Négome porque digo que non. Son, efectivamente, dos do NON. A moita honra, se dicimos non a certas cousas.

Para facerlle fronte a Mordor temos a uns humanos divididos. Por unha banda, un Rei de Roham que non é para nada mala persoa, en absoluto, queridísimo de sempre polos seus "súbditos", pero que vive desde hai tempo manipulado por Grima "Lingua de Serpe" (poder-Xunta?), que realmente está ao servizo de Saruman. Para cando consegue liberarse do embruxo, xa é tarde de máis para el. A súa morte en batalla estaba máis cantado que o patético final reservado a Gollum -este Gollum fora un Hobbit, en tempos, pero autodexenerouse el só obsesionado co seu "tesouro". Aparece ás veces para pedir cabezas e depuracións  eito. Uf. Saquen conclusións vostedes (Theoden-Quintana???). Curiosamente, para enredar máis esta analoxía, o seu mellor legado é unha muller moza -a súa filla, na obra-. O emparellamento que lle propón Tolkien a esta muller (Eadwyn-Táboas?) para salvar mundo e humanidade é con Aragorn. Manda truco, ou como diríamos por aquí, manda
carallo na Habana.

Por outra banda está o Senescal de Gondor (Aymerich?), obsesionado con ser recoñecido como o primeiro entre os humanos, o inicio dunha nova "xenealoxía" que os una, dirixa e leve ao trunfo. Un líder? Un iluminado? Non sei. No BNG hai quen se presenta así pero, como no caso do Senescal, non parece espertar demasiadas adhesións á visión do proxecto que representa. Para moitos humanos non está nada claro que caer nas mans de Denethor II sexa moito mellor que caer nas propias mans de Mordor. Uf outra vez. Xa me aturullan os inusitados paralelismos. E non mo riades, que o conto é triste.

O Hobbits (irmandiños?) son o cemento da "Comunidade do anel", desa comunidade de, por e para tod@s. Acreditan, e de que forma, nunha volta ao esencial, ao primixenio, ao primeiro dos sentimentos, o que nos fixo fortes, ecuánimes, grandes, temibles para os que procuran so a destrución, estean onde estean. Podes facer burla do seu tamaño, pequerrecho en comparanza cos seus pés e orellas, pero o tempo, inaelable, implacable, vailles dando se non toda a razón, si moita dela. Tiveron que enfrontarse a dúas "Torres" en 2009 e non sairon moi ben parados, pero saíron. A súa é a defensa do proxecto común, do respecto ás outras visións, o que inclúe necesariamente o respecto por un mesmo e pola Comunidade no seu conxunto. Está meridianamente claro. Quizais o seu mundo, a súa cosmovisión, está hoxe en retroceso aparente, pero loitarán ata o fin das súas forzas pola súa/nosa pervivencia, contra a tiranía e polo "Retorno do Rei", ou o que é o mesmo, o proxecto polo que dá a vida Gandalf, se é preciso. Por iso digo que Frodo podo ser eu, claro, pero podes ser ti.
Pode ser calquera.

Por último, lembraredes que as forzas de Mordor contaban con humanos "traidores" ao seu servizo en forma de mercenarios e que eran chamados, pola súa orixe xeográfica, os Orientais. Mercenarios, Orientais ou Liberados... que máis ten...

Sabes xa agora que é Aragorn, que non é Hobbit pero é tido como un máis?
Sabes xa quen son Sauron e Saruman?
E Gollum?
E Gandalf?

Vale, pero non esquezades que é un xogo e que non deixan de ser preguntas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario