domingo, 8 de enero de 2012

Posición e marco de referencia. Cuestións internas: asemblearismo

Raúl Asegurado no seu Blog dun irmandiño


Se o proceso asemblear no que estamos inxeridos vai determinar o marco de referencia onde vai dirixirse o futuro do BNG, hai cuestións de posicións internas que determinarán de forma inequívoca se o proceso que se encete levará ou non a un proceso que rache as dinámicas que abordei na achega anterior; e isto ten un senso superlativo en cuestións que determinen o valor que se lle dea á militancia de base, aos seus dereitos e os seus deberes.

Nos últimos tempos, na dinámica interna do BNG instaurouse por unha maioría simple unha mutación estatutaria que determinou un cambio no proprio ADN da fronte; a cuestión das delegadas e delegados, xustificado por unha hipotética mellora de calidade democrática na cal en procesos previos a unha Asemblea Nacional, as militantes asistentes deberían “gañarse” en procesos comarcais a delegación de representación das ideas e das persoas para poder asistir, e así afondar no debate interno, e por outra banda, garantir un número de asistentes que permitisen facer unha asemblea dinámica, reducindo o número real de militantes congregadas/os.
Ben, este posicionamento racha coa lóxica do poder horizontal da esquerda social das últimas décadas en todo o planeta. Os procesos abertos, transparentes e a tentativa do empoderamento da sociedade civil como resposta ás agresións desta fase do capitalismo, por parte dos diversos e diferentes movementos sociais antisistémicos, son resposta á inmobilidade e usurpación da soberanía nacional, e por tanto, resposta a unha dinámica de usurpación da mesma democracia; tentando outorgar á cidadanía un valor protagónico na construción social que está sendo continuamente castrada polos poderes económicos e co consentimento das forzas políticas exercentes.

Isto levado ao contexto dunha nación sen estado cobra un valor de vital importancia. Antes desta posición adoitada hai un lustro na dinámica interna do BNG, a fronte exercía unha dobre responsabilidade ante a sociedade nacional (non só nacionalista) galega: por unha banda a fronte atuaba como unha organización política plural das diversas sensibilidades e trasladaba ás instancias públicas (institucións) o seu facer político, mais alén diso, o BNG por outra banda, era una aparato de Estado indispensábel para esta sociedade (cidadanía), pois non contaba con outra forma de representación soberana.
Se afondamos nesta segunda concepción do que era a fronte, de forma esquemática e rápida, podíamos dicer, que as/os militantes do BNG eran cidadás/áns libres que participando de forma direita en forma de sufraxio universal nunha asemblea nacional determinaban a composición do Consello Nacional, que viría en termos estatais a seren o Parlamento; un Parlamento aberto a todas as sensibilidades e que impulsaran o propósito común da fronte, a liberación social e nacional, a emancipación galega.

Ao mudarse a concepción da/o militante, antes como cidadá/án, agora como medio para conseguir unha delegación, lévamos a poder participar dun proceso asembleario só a través dun sufraxio censitario. Un sufraxio censitario que determina varias cuestións:

1. Xa a/o militante do BNG non é un cidadá/án libre para poder exercer os seus dereitos e asumir as súas obrigacións en primeira persoa (pois pode ser que un vaia en delegación de varias persoas, ou o peor, que outras/os non poderán nin sequera asistir ao órgao máximo de decisión soberana aínda sendo militante).

2. A proporcionalidade da delegación non determina a liberdade, nin sequera na cuestión dunha proporcionalidade 1:1, é dicer, un militante un delegado, pois a militante deberá pasar por un rexistro censatario non universal, senón que indignamente terá que, alén de ser militante, estar inscrito por vontade persoal e controlado polo aparato para poder exercer o sufraxio. E esta é unha cuestión republicana indispensábel da liberdade como non-dominación; non vale, para a tradición republicana, que haxa un tirano benevolente, un tirano que decida permitir o sufraxio pois coa existencia do tirano existe a capacidade da dominación, e a liberdade non é un “favor” da tiranía, é un dereito universal de toda a cidadanía no seu conxunto.

3. Na cuestión da proporcionalidade absoluta, de ser un/ha militante un/ha delegado/a, créase un censo previo á asemblea, que o aparato, e nomeadamente a UPG neste caso, poderá antes da celebración da mesma asemblea ter un mapeo da situación que se pode dar nesa asemblea. Como comentaba o outro día un compañeiro, a UPG unha semana antes da celebración da Asemblea Nacional do BNG intuirá o escenário posíbel e tentará amañar coas contas que faga posíbeis pactos que garantan as súas aspiracións.

Ou volvemos a unha concepción asemblearia, que aposte por valores republicáns de liberdade, ou o proceso de rexeneración non é posíbel. Ou volvemos a dotar ao BNG do valor indispensábel que para unha nación sen estado é ter un aparato de Estado, ou converteremos ao BNG nunha forza clásica, tradicional, típica e por tanto colaboracionista co sistema de dominación, por que? Porque para unha nación sen estado, as prácticas internas, as posicións e mecanismos de artellarmento son resposta ás agresións que a cidadanía nacional galega recibe en todos os campos nos que traballa e se desenvolve, ou non será un mecanismo orgánico que anteceda ao proceso de emancipación.

Esta asemblea nacional, debería ser sen delegadas/os, como todas; nesta tentativa o Encontro Irmandiño impuxo dentro da “lei vixente” a maior cota de liberdade posíbel, a proporcionalidade 1:1, e decidimos participar nela, sendo conscientes de que non é suficiente, debemos dotar novamente a toda a militancia da igualdade e liberdade imprescindíbel para así poder artellar, asumindo a total responsabilidade da construción común, o valor da fraternidade.

No hay comentarios:

Publicar un comentario