* Transcrición do discurso de Xosé Manuel Beiras no Auditorio de Galiza o 17 de decembro de 2011, na homenaxe Á beira de Beiras.
Síntome absolutamente abrumado e conmovido. Eu dicíalles aos xornalistas que me preguntaban á entrada do Auditorio cómo me sentía, e dicíalles: "Francamente, estou coma un flan". Síntome coma si fose ter que facer a primeira comuñón outra vez, que hai ben anos daquela historia... Síntome nervoso, como cando tiña que ir a examinarme por libre do Bacharelato ante o tribunal no instituto Xelmírez.
Era como me sentía despois de todo un período nas últimas semanas no que tiven que andar a pelexar con moi escasas forzas contra unha pantasma que, no meu caso, é en certa maneira familiar, chámase depresión, que dalgunha maneira somaticei cunha serie de síntomas: cansanzo, fatiga e mesmo unha bronquite absolutamente demoledora.
E hoxe, de súpeto, grazas a todas e todos que traballáchedes arreo nesa Comisión de amigas e de amigos e grazas a todas aquelas persoas que xenerosamente contribuíron á confección do libro que me acaba de entregar Manolo Caamaño e que debezo por ler canto antes, e gracias á vosa presenza eiquí, de súpeto é como se a rexeneración que eu levo reclamando para este País e a súa sociedade, para as súas organizacións de combate, ou que naceron para o combate, das organizacións do nacionalismo galego. É coma se esa rexeneración conseguísedes entre todos vós que en min mesmo se producise hoxe en poucos intres.
Eu non vou botar un discurso, menos aínda unha soflama, e menos aínda un mitin, non é o momento de facer tal cousa. Quero ser moi sincero, quero falar co corazón aberto, sin perder o control dos sentimentos pola miña componente racional que sempre foi extremadamente poderosa. Son un home tremendamente emotivo, que se exalta, mais ao mesmo tempo son un ser que cre na razón, que nunca deixou de exercer a razón na medida das súas posibilidades. Pero eu estoume lembrando, lévome toda a sesión lembrando, mentras escoitaba falar a uns e outros, recitar a Pepe Cáccamo, recitar a Miguel Anxo, falar a Víctor Freixanes, expoñendo o libro, falar a Manolo Caamaño, e escoitando a música de Paulino Pereiro, aos dous Casal, ao Nando Casal, que é todo un símbolo de Milladoiro, polo tanto un símbolo do rexurdir da música popular culta deste País, ao seu fillo Roi, coa súa arpa celta, e máis aos meus amigos, interpretando esta que foi para min coma unha especie de pequeno símbolo a nivel da intimidade, esa marabillosa canción de Ariel Ramírez, que ninguén pensaría que un nacionalista galego escollería como o seu propio himno personal. Mentras estaba escoitando todo eso non podía deixar de lembrarme de Valentín Arias, o vello compañeiro dos anos 60 en Vigo, o vello compañeiro dos primeiros anos do PSG, no traballo da Revista de Economía de Galicia, nos primeiros esforzos por facer, tamén, sentirse a voz do galego nas ondas, no tempo daquela primeira emisión en galego con Xosé Luis Franco Grande e con Xohana Torres, Raíz e Tempo, na emisora da Voz de Vigo nos anos 60. Non o podía tirar do maxín, porque é unha inxustiza, unha brutal inxustiza que o Valentín non poidese estar eiquí connosco máis que en espíritu, porque en espíritu si que o está. Pero, tamén ao mesmo tempo estábame lembrando, como son, xa, queira que non, un vello, non sei si petrucio ou non, pero un vello, desa Santa Compaña de pantasmas amigas, que xa o acompañan a un acotío, que son todos os amigos e amigas e os compañeiros de sempre que xa están no alén. Dende os vellos pexegos dos anos 60, os upegallos dos anos 60, mesmo os peixes dos anos 60, os alcumes con que nos identificábamos os do PSG, da UPG ou do PC, na época aquela en que en Vigo Xosé Luis Méndez Ferrín, pola UPG, Alexandre Cribeiro polo PC, que quería ser PC galego, galeguista e nacionalista e asumir o principio do nacionalismo galego, e eu mesmo, e despois tamén Camilo Nogueira, coordinabamos dalgún xeito as movidas, as accións no plano cívico da revolta antifranquista, da protesta na medida do posible naqueles tempos.
Eu só podo aceptar esta homenaxe non como tal, sinon como unha xuntanza fraternal e como unha homenaxe a unha xeración. Cando Manolo Caamaño e Valentín falaron no principio de todo desta intención, eu aceptei pero díxenlles: "Eu unicamente acepto na medida en que iso poida ser que eu funcione coma un espello de todos vós". Un espello que recolla a imaxe de todos vós. Son simplemente ese espello, de toda a xeración que retomou o testigo directamente, en conexión cos supervivintes da Xeración Nós, do Partido Galeguista e mesmo das Irmandades da Fala, a traveso da conexión cos que empezaron a montar os dispositivos da loita cultural posíbel baixo o franquismo arredor da Editorial Galaxia dos anos 50.
Esa xeración, en rigor, o que ten para min como definicións primordiais é que unha xeración de xentes que nos movimos por valores, e nunca por intereses, e que tiñamos a ética como fundamento da política e primordialmente a ética da fraternidade, a ética de irmandade, na irmandade no sentido da noción histórica das irmandades dos irmandiños, polo tanto da aúténtica revolución baixomedieval, das camadas de servos e da burguesía das cidades e da cidadanía baixa frente ao poder despótico [... inaudíbel...] e da nobreza [...inaudíbel...] e bárbara.
É o primeiro sentido que ten a noción de irmandade. A noción de fraternidade, idéntica de irmandade, non no sentido patriarcal, senón no sentido do bloque de esquerdas da Revolución Francesa de 1789. A fraternidade como principio de democracia horizontal, como principio necesario para inserir no bloque de emancipación ao Cuarto Estado, aos sans culotte, aos que non teñan nada, nin medios para vivir, ese é o sentido con que entra nas Irmandades da Fala, é o sentido co que está no nacionalismo galego dende os precursores deica o Partido Galeguista e por eso eu sempre me lembro das cartas cruzadas entre meu pai e Abraira, en América, e outros, ou Arturo Cuadrado, as cartas cruzadas con Otero Pedrayo. Unha delas deixouma meu pai para que a recibise postumamente metida no libro de calificación escolar meu do Bacharelato. Nunca me mostrara unha carta de Otero Pedrayo o meu pai no momento do conflicto na primavera do 36 entre a dereita galeguista, que acababa de escindirse, e o Partido Galeguista. Nas cartas con Carvahlo Calero, nas cartas con Paco del Riego, naquelas cartas sempre eran irmáns, e falábanse como "irmáns, non no sentido patriarcal, no sentido da familia, do dereito de familia, sinon no antitético ao dereito de familia, no sentido da lei civil, no sentido da fraternidade na que nós seguimos a insistir porque é a única base posible de rexeneración ética dun movemento que ten que ser un movemento da nación no seu sentido conxunto, un movemento da cidadanía no sentido conxunto. Non hai movemento de emancipación nacional dun pobo expoliado, dun pobo asoballado, dun pobo colonizado, non hai movemento de emancipación nacional que poda prosperar si non é un movemento de fraternidade onde están por diante os eixos vertebradores dun proxecto común de emancipación nacional e social. Non pode habelo. Falamos do bos, dos xenerosos... Algúns, moitos e moitas, pensamos no que dicimos cando cantamos o Himno Galego. Algúns, moitos e moitas, seguimos a descodificar conscientemente o que significan as verbas de Pondal cando fala de "bos e xenerosos" e cando, pola contra, define aos imbéciles e escuros e férridos e duros. E sabemos perfectamente que cómpre ser bos e xenerosos e que iso significa fraternidade.
Hai sitio pra todos, dixo Castelao. Cómpre, é indispensable, que este País reorganice a capacidade de ser quen mediante un amplo encontro fraternal de todos os cidadáns de boa fe, de todos os descolonizados, é a única maneira de facer unha frente común cando existe un poder oligárquico e despótico que é a metamorfose actual do fascismo. Estamos a padecer a metamorfose actual do Atila en Galiza, e levamos camiño dunha Galiza mártir..., aínda que sexa incruenta, hai moitas maneiras de ser mártir e moitas maneiras de esborrallar un País. Están a facelo, dándolle a volta polo forro ao sentido que teñen as precarias institucións de autogoberno, os que están empoleirados en San Caetano, convertidos en brigada de demolición, limpeza étnica, ecocidio e de socialcidio. Donde queda unha institución chamada Valedor do Pobo, transfórmanse en mutantes e convirten ao valedor do pobo en agresor do pobo, da súa cultura e do seu idioma. Estamos na subversión total das institucións xeradas na Democracia. E, frente a esto, ou ben facemos profesión da ética, da solidariedade, da fraternidade e da igualdade, ou ben facemos profesión e práctica dos principios republicanos na sociedade en clave da nosa nación ou seremos falsos, mintiráns, e non seremos bos e xenerosos e estaremos, mal que ben, traicionando aos nosos ancestros, traicionando a loita dos Bóveda, dos Castelao aos que invocamos, dos Faraldo, Rosalía e todos os demais. Tamén dos homes e mulleres esquecidas e represaliadas, das mulleres que estiveron no maquis cos seus homes, das mulleres recollidas no último libro de Aurora Marcos, esas mulleres silenciadas das que nunca se fala e que foron un factor fundamental da resistencia frente ao fascismo no monte nos anos 40 e 50.
Eu non viñen eiquí botar un mitin. Viñen darvos as grazas en nome dunha xeración, dunha xeración nun senso moi amplo. Non só a estrictamente a dos nados entre 1930 e 40, a xeración na que estamos inseridos os que tentamos abordar a práctica política emancipadora nun Consello da Mocidade que se fendeu inmediatamente, pero que logo xurdiron o PSG e a UPG, non só a xeración estrictamente nada nese periodo. É unha xeración máis ampla, unha xeración que abrangue dende os vintes-bastantes ata mediados dos 40. É a xeración que, en definitiva, consigue acadar masa crítica nesa data na que toda Europa ten unha cor vermella e revolucionaria, que é o 68, o 68 do maio francés. Tamén, en América, o 68 dos movementos de protesta frente a guerra do Vietnam, organizados cada vez máis, como agora o movemento de protesta contra a tiranía dos banqueiros, dos chamados mercados financeiros. E non esquezamos que antes do maio francés do 68 en febreiro e marzo estralou a revolución do 68 na Universidade de Santiago de Compostela. Eu estaba alí, vivímolo e témolo que recordar, e Gurriarán sábeo perfectamente, que estudou sobre o asunto.
Esa xeración, que fixo masa crítica aí, e que puido lanzar todo un proxecto común, xa daquela, de organización das forzas cívicas frente ao fascismo para irmos cara unha creba democrática, eso que foi coutado dende arriba por un contubernio de organizacións internacionais presididas polo Pentágono e o Parlamento do Estado dos Estados Unidos entre 1975 e 1976.
A nosa xeración, insisto, movíase por valores e non por intereses, tiña a ética como fundamento da política, o respeito e a veneración dos nosos ancestros e devanceiros, dende os precursores e a Xeración Nós ao Partigo Galeguista. Practicabamos aquelo que na arte está tan absolutamente demostrado: que non hai vangarda sen tradición. As vangardas xurden na arte cando hai detrás unha tradición, e establécese unha relación dialéctica entre a vangarda e a tradición. E a vangarda que foron as nosas xeracións, na loita cultural, con novas formas de facer loita cultural, como ben relataba Manolo Caamaño, na loita social, coa organización e creación de organizacións propias, de movementos sindicais, o SOG, como xérmolo do que logo foi a INTG, CTG e así sucesivamente, do Sindicato Labrego Galego, ou de organizacións ecoloxistas absolutamente precursoras e pioneiras como ADEGA, en 1976, nada menos. Esa xeración, fundamentalmente, foi vangarda, pero foi vangarda porque soubo perfectamente coñecer, estudar e recoñecerse nunha tradición existente dende Faraldo; máis, dende os propios Ilustrados deica o momento de Atila en Galiza no 36. E porque sempre pelexamos por unha nación de iguais, por unha nación de cidadáns e, polo tanto, polos principios republicanos.
Acaso é esta, hoxe, unha xeración derrotada?
Nos momentos de máis negro pesimismo nos últimos tempos eu, con frecuencia, teño dito, teño confesado aos meus íntimos, á xente nova coa que traballo no Encontro. E non só á xente nova, aos compañeiros e compañeiras, aos meus propios fillos, que eu coido que son membro dunha xeración derrotada, porque era a xeración chamada a dirixir, a liderar, a protagonizar o post-franquismo e fomos unha xeración suplantada por outra xente que non tiña detrás esa traxectoria de combate. Non foi un fenómeno exclusivamente aplicábel á Galiza, deuse no conxunto do Estado Español, deuse noutras transicións, e estámolo a ver, incluso en Alemaña, no proceso de reunificación. Cando un descubre que a Merkel era en realidade a presidenta das mocedades do partido de Honecker; era en realidade, tamén, confidente da Policía Política, mentras non cambio a chaqueta. Parecía Fraga, non hai Fragas só en Galiza.
É esta unha xeración derrotada? Pois non.
Non somos unha xeración derrotada, só que nos tocou vivirmos agora, con todos vós, o final dun ciclo histórico. Estamos a presenciar, a vivir, o final dun ciclo histórico a nivel mundial, do sistema. O final dun ciclo sistémico, dun ciclo de hexemonía, unha crise de hexemonía que deriva nun periodo de caos sistémico, está á vista, é evidente. Un ciclo en Europa, o calexón de "Sal se podes", un calexón sen saída no que está metido o proxecto europeo na versión Unión Europea, deturpada e transformada simplemente nunha unión monetaria que agora fai augas por todas partes. Está abocada ao fracaso, xa fracasou. Nunha Unión Europea onde órganos que non teñen o aval democrático son os que lles dictan consignas ao presidente do goberno grego se pode ou non convocar un referéndum aos seus cidadáns, e onde se cambia e remuda un goberno e se lle pon aos axentes de Goldman Sachs, que foron os causantes da traxedia que agora está a vivir, ou en Italia algo polo estilo. Estamos a vivir o final do ciclo democrático aberto despois do final da Segunda Guerra Mundial no 45. É unha Unión Europea caput. Que, ou ben conseguimos entre todos re-construír paso a paso dende as bases da Europa dos cidadáns, da Europa dos pobos, da Europa social, ou, evidentemente, non fará máis que derivar nun neo-totalitarismo de facto, máis ou menos camuflado.
E, estamos a nivel estatal, non estertor final do rexime nacido da Transición, nacido dunha fraude política que, naturalmente está acabando, de modo análogo a como estaba acabando a Primeira Restauración Borbónica aló polos anos 20; de modo análogo está acabando – análogo, non igual, que a historia non se repite – esta Segunda Restauración Borbónica no segundo decenio do 2000. Un rexime que apodrece, está a apodrecer ao vintimperio, como o cadáver de Polinices na traxedia de Antígona, que traducíramos Franco Grande e mais eu.
Fin de ciclo histórico tamén en Galiza, é o remate do ciclo da Autonomía, cando a Autonomía se convirte en todo o contrario. Cando, ao sumo, se convirten as institucións autonómicas nunha Deputación Supra-provincial. Agora, non deixa de ser un sarcasmo cando o nacionalismo galego levaba toda a historia do século XX reclamando a supresión das deputacións provinciais agora sexan os inimigos deses que din que hai que suprimir as deputacións e non precisamente cos mesmos obxectivos.
Nese ciclo histórico no que estamos a vivir, o remate dunha época, pero estamos a percibir como comezan a enxendrarse as bases dunha época nova: a subversión das institucións políticas, a metamorfose – ou metástase, neste caso – do fascismo, a especie de Cuarto Reich sin Wehrmacht que se está impoñendo, o poder fóra das institucións políticas, exento de control democrático, os monecos de ventrílocuo en que son convertidos os representantes electos dos cidadáns, que deixan de representar aos cidadáns dende antes xa de que os voten, están simplemente ao servizo dos poderes que lles marcan as pautas antidemocráticas, a situación de gobernar contra os cidadáns, a impunidade dos crimes do poder. En fin, unha soberanía de cartón, un Estado en proceso de liquidación a prezos de saldo. Este é o panorama que temos na nosa contorna.
E, sen embargo, nin nós como xeración, nin vós como cidadáns, nin este pobo, nin os pobos de Europa, nin os pobos do mundo estamos derrotados. Simplemente, cómpre recuperarmos o protagonismo como pobo, como cidadáns.
É a hora da cidadanía exercente como tal. É a hora da soberanía popular no sentido prístino da palabra. É a hora da reconquista dos dereitos e das liberdades cívicas e políticas. É a hora dunha nova creba democrática con ese rexime putrefacto, cun sistema aberrante que leva camiño de acabar coa biosfera e coa existencia do propio planeta.
É a hora da rebelión cívica como motor da emancipación. É a hora dos principios e a práctica republicanos. É a hora da lealdade ao común cidadán e non da obediencia ás organizacións, mesmo das organizacións das que formamos parte si é imposíbel ser leais ao pobo e aos cidadáns sendo obedientes e segunindo as directrices das organizacións.
Este é momento no que estamos, e só quero eu ser nisto o espello de todos vós, só quero exhortarvos a exercerdes a dignidade e a practicardes a indignación, a serde a conciencia activa e combativa desta nación de Breogán, dado que nos corresponde agora aos cidadáns do común asumir as responsabilidades que tiñamos delegadas nos nosos representantes electos.
E, nesa loita, estarei convosco, man con man, no proxecto común de toda a cidadanía galega agás as oligarquías dos puntos de apoio dos poderes que nos expolian, que nos alienan e nos queren borrar do mapa e da Historia. Con eses principios, con ese proxecto, nesa loita estarei convosco mentras teña azos, mentras siga a alentar, porque unha vez escribira neses caderniños de notas que na adolescencia e na primeira mocedade levaba conmigo, que logo deixei, que desapareceron – moitas veces eu escribía cousas propias de vellos, non propias dun mozo -, eu escribira xa daquela algo que dicía: eu loito sin esperanza, mesmo por iso é ben certo que non desertarei xamais.
No hay comentarios:
Publicar un comentario