martes, 10 de enero de 2012

O BNG e o asemblearismo

O BNG que se fundou en 1982 foi o resultado dun proceso constituínte no que participaron diversas organizacións e colectivos, así como persoas a título individual, que tiña o obxectivo de crear unha organización unitaria no nacionalismo galego. 

A fundación do BNG hai que vela coma o culmen dun proceso de recomposición do nacionalismo que se inicia nos anos 60, coa fundación da UPG e do Partido Socialista Galego. No ano 82, o nacionalismo galego, dividido, viña dunha derrota nas eleccións xerais de 1977 e impúñase unha reflexión ante o novo marco que supuña a aprobación do Estatuto de Autonomía e o establecemento do Parlamento e da Xunta de Galicia. 

Así, o 25 e 26 de setembro de 1982 celébrase a Asemblea Fundacional do Bloque Nacionalista Galego no Frontón de Riazor na Coruña, que aproba un programa político e os principios organizativos da nova formación. 

Sen renunciar ao obxectivo estratéxico da autodeterminación, o BNG entendía a presenza institucional no marco autonómico como parte do “proceso progresivo de conquista do poder político e de parcelas de soberanía”. 
 
Os principios ideolóxico-políticos do recén nado BNG, que aínda figuran nos seus Estatutos, son:

· Democracia. Garántese a todos os niveis: información, debate, toma de decisións e xestión.

· Carácter asembleario. O BNG basea a súa dinámica de funcionamento e decisión política en formulacións asemblearias. Os representantes están suxeitos a mandato imperativo, por tanto, poden ser revogados polos electores.

· Pluralismo político. Recoñécese a existencia de tendencias políticas no seo do BNG, pero a adscrición militancia é individual.

· Maiorías e minorías. Garántese o dereito das posicións minoritarias á súa defensa pública.

· Liberdade de expresión.

· Dereito a discrepancia pública.

No BNG intégranse militantes da extinguida AN-PG, da UPG, do PSG e doutros colectivos nacionalistas independentes.

O deseño do BNG respostaba á condición de Galiza como nación sen estado, na que existían diversas lecturas do proxecto de emancipación nacional, pero que se unían nun “proxecto común”: a emancipación nacional e social do pobo galego.

O carácter asembleario era fundamental neste deseño de organización, unha fronte política distinta das clásicas nas que había un partido hexemónico que marcaba a liña política; no BNG, os partidos, colectivos e correntes organizadas tiñan representación, pero a adscrición era individual e a soberanía recaía na Asemblea Nacional, na que tiña voz e voto toda a militancia.

Co deseño das asembleas nacionais identificábase militancia con cidadanía, tendo esta a soberanía para decidir a liña política e votar (mediante sufraxio universal) aos seus representantes, que podía revogar en calquera momento.

Deste xeito, o BNG convertíase no “único aparato de estado xenuino que tiña Galiza”. Este deseño e a política de “portas abertas”, de “apertura integradora” (sobre todo dende a Asemblea do Carballiño de 1987) posibilitou a integración de colectivos e xentes individuais con distintas lecturas do proceso de liberación nacional e social de Galiza durante case vinte anos, enriquecendo o movemento de liberación nacional galego.

Dicía Beiras sobre o BNG:

... nuns poucos meses do ano 1982, vaise construir un artefacto político de deseño inédito. Baseado nun principio de democracia participativa e exercizo directo da soberanía popular: deseño asambleario de afiliación individual, onde tódolos cidadáns militantes teñan voz e voto nas decisións fundamentais para o avance do proxecto estratéxico. Aberto á integración articulada das formacións preexistentes -as illas do arquipélago- ou das que nazan no curso desa andaina común, sen perda de cadansua identidade, mais sen outro poder que o correlativo ao peso de cadansua militancia nas decisións asamblearias da frente. E todos, individuos e grupos, partícipes e vencellados pola obediencia a un proxecto común obxeto de diferentes leituras converxentes: a emancipación nacional e social do povo galego.”

Así, o deseño do BNG non é mera cuestión de convivencia dentro da organización, senón froito dunha postura ideolóxico-política que entende a emancipación nacional coma un proceso que “abrangue democraticamente a unha maioría social”. É unha “verdadeira alianza de clases até os confíns do posíbel sen introducir dentro contradicións que fosen explosivas”. O deseño do BNG reproducía a sociedade que se quería para Galiza: unha sociedade republicana.

Para o Encontro Irmandiño, este deseño segue a ser válido, hoxe máis que nunca, se cabe. Beiras resumíao así:

Urdime horizontal: democracia participativa con exercizo directo da soberanía popular, ou sexa, base asamblearia na que tódolos militantes teñan voz e voto directo -non delegábel- nas decisións fundamentais para o avance do proxecto estratéxico. Vértebras do carrelo: integración artellada dos subconxuntos ideolóxicos que perfilen cadansua leitura do proxecto común da frente, sen dereitos de cooptación na sua estrutura orgánica. Forzas motrices, ou sexa, valores ético-políticos: autodeterminación, fraternidade, igualitarismo, esquerda, república -é dicir, liberdade entendida como non-dominación.”

Despois da chegada do nacionalismo ao goberno da Xunta -pese a sufrir unha caída de 4 actas de deputado-, houbo un cuestionamento claro deste modelo asembleario do BNG na Asemblea Nacional de 2006.

En pleno goberno Bipartito da Xunta de Galiza, a maioría dirixente do BNG, composta pola UPG e o coñecido como “quintanismo”, propuxo un documento organizativo para a Asemblea Ordinaria de 2006 no que se establecía que:

"as Asembleas Nacionais no sucesivo realizaranse por medio de delegados/as electos/as”.

As razóns aducidas para o cambio eran:

- crecemento en militancia do BNG.
- dificultades técnicas para organizar as asembleas.
- posibilidade de debates máis regulados e fondos.
- maior representatividade, entendendo que era “democrático e máis representativo” que as decisións de toda a organización as tomase “unha porcentaxe minoritaria sobre o total” elixida como representante de cada ámbito territorial.

Este documento e o informe de xestión da Executiva foi rexeitado nalgunhas comarcas e foron presentados no Consello Nacional votos particulares -un deles do Encontro Irmandiño- que defendían a permanencia do sistema asembleario, que prosperaron en comarcas e nalgunha comisión da Asemblea, co cal pasaron a debaterse no Pleno da Asemblea.

Da votación sobre este particular -a permanencia ou non do sistema asembleario- resultou, no plenario do 3 de decembro de 2006, que só votou polo sistema de delegados/as un 55% da Asemblea.

Na votación das listas ao Consello Nacional, aquelas que defendían explicitamente o asemblearismo - Encontro Irmandiño - A Alternativa - Movemento pola Base - obtiveron o 37% dos votos, fronte á candidatura de Quintana-UPG que obtivo o 63% dos votos.

Así, a composición do Consello Nacional saída do Asemblea foi: 31 persoas da lista de Anxo Quintana, 9 do Encontro Irmandiño, 5 d’A Alternativa e outros 5 do Movemento pola Base, a quen se unirían os representantes das comarcas.

Pese a que todas as candidaturas estiveron representadas na Executiva -agás o MpB de Fermín Paz, que cedeu a súa representación ao Encontro Irmandiño- a organización quedou, de facto, partida pola metade, algo que se evidenciou claramente na elección de candidaturas ao Parlamento Galego en 2009, onde se excluíu das listas -que ata daquela representaran a pluralidade do BNG- aos colectivos e persoas individuais que non concordaban coa liña hexemónica na organización.

Tras a caída en votos do BNG nas eleccións ao Parlamento Galego de 2009, o que orixinou a perda dun deputado e o regreso á Xunta de Galiza do PP, o Encontro Irmandiño sae publicamente pedindo unha reflexión sobre as causas da derrota, esixindo:

- que a Executiva do BNG puxese os seus cargos a disposición da militancia, como viñan de facer os membros do Encontro Irmandiño na Executiva que, de facto, xa estaban excluídos da toma de decisións.

- que se pedise perdón publicamente á base social do BNG á que se lle diu as costas dende a actuación no goberno da Xunta de Galiza.

- que se convocase inminentemente unha Asemblea Nacional Ordinaria aberta a toda a militancia e se fixese unha fonda reflexión sobre as causas da caída do BNG.

O Consello Nacional do BNG convoca, finalmente, Asemblea Nacional Extraordinaria, mediante o procedemento de un militante/un delegado, proceso feito rapidamente e sen a fonda reflexión que reclamaba o EI.

Tras o novo retroceso do BNG nas municipais de 2011, hai un acordo global de todas as partes do BNG de que é precisa unha Asemblea que sexa un punto de inflexión, unha Asemblea Ordinaria e sen delegados/as, que se desenvolva nun só plenario e conte cunha fase previa de debate nas comarcas sen votación de documentos, ademais dun período de reafiliación de xentes que foran excluídas (todo isto reclamado polo Encontro Irmandiño).

Así, o Consello Nacional aprobou a celebración de Asemblea Ordinaria para outono de 2011, cun Regulamento que establecía unha asemblea a celebrar en plenario, sen comisións previas.

A asemblea quedou adiada ata finais de xaneiro de 2012 por mor do adianto electoral das Xerais, eleccións nas que, pese á caída en votos, o BNG mantivo a representación de dous diputados.

Agora, a un mes da celebración da XIII Asemblea, comprobamos que o aparato está a por todas as trabas posíbeis para a participación: esixencia de anotación previa asinada para participar na Asemblea, criterios dispares en cada comarca para regularización de militancia con plenos dereitos ou anuncio por parte de APU de que van tratar de emendar o regulamento da asemblea para que teña comisións en lugar de plenario de tod*s, algo que o MGS apoiou na Comisión de Organización.

Están a por todos os filtros para que a xente do común, a cidadanía do BNG, nos poidamos expresar e tomar as rendas na NOSA organización, a de todo o pobo galego.

No hay comentarios:

Publicar un comentario