miércoles, 30 de noviembre de 2011

Raúl Asegurado fala de banca ética


* Transcrición da entrevista realizada a Raúl Asegurado no programa Convivir en Igualdade, da Radio Galega, o 8 de novembro de 2011.

 
Pregunta - Que é esto da economía social?

Raúl Asegurado - A economía social é poñerlle un apelido a algo que non deberíamos, que é que a economía debería estar a disposición da sociedade e das persoas e non ao revés, a sociedade e as persoas ao servizo da economía. Como estamos nun momento en que esto parece ilóxico, trátase de revertir a un concepto máis lóxico.

Economía social, que teña preponderancia a cidadanía e non o empresariado, non a gran banca…

Non o Capital, digamos, en todos os sentidos. É poñer a primacía en que a economía o que ten que valer é para ser unha ferramenta para a promoción das economías das persoas e para a promoción das economías da sociedade, non que elas estén ao servizo dos intereses dos que acumulan o capital.

Como se pode conxugar economía social e desenvolvemento humano?

Son máis da corrente que acredita en que os límites do crecemento teñen que estar presentes en todo. Desenvolvemento humano, sí, pero non é un desenvolvemento económico. Penso que, en materia económica, para vivir mellor, para benvivir, teríamos que ir encamiñados cara un decrecemento, a baixar as cotas de consumo, de explotación da biosfera.

A redor de que elementos se move o que chamamos “economía social”? Empresa, mercado, propiedade, consumo…
 
"A cuestión da economía social é que en todos eses entramados da economía, da produción ou do consumo, haxa unha compoñente ética ou moral de todo aquilo que se fai; tanto se é unha empresa, que teña uns fins sociais positivos e que non promova calquer tipo de actividade económica, como se é unha que acumula capital e o fai en detrimento das persoas ou das condicións laborais da xente. É combinar a promoción económica sempre vencellada a uns valores sociais, medioambientais e éticos coa disposición do ben común da sociedade."

Chegamos ás palabras claves que son “banca ética”. En que consiste a “banca ética”?

O que pretende a banca ética é ir ao punto clave da lóxica do que agora coñecemos como ultraliberalismo, ou o capitalismo de mercado no que vivimos. Trátase de utilizar unha ferramenta que parece que só está a disposición de grandes compañías, de grandes empresas bancarias que fan unha acumulación enorme de capital e que invirten cartos en formas que os usuarios non podemos controlar, entón é reverter este sentido. É contruír un sistema bancario, primeiro, que sexa propiedade da cidadanía e dos movementos sociais e que non só sexa unha propiedade privada onde a xente pode invertir só para ter un crecemento do seu capital senón que se poña a disposición da cidadanía e que os cidadáns sexan capaces de controlar en todo momento cales son eses movementos de cartos. Por outra banda, unha cuestión importante da banca ética é que sexa algo significativo, é dicir, hoxe, absolutamento todos e todas temos un trato diario cun sistema financeiro – ter unha conta corrente, domiciliar pagos… - pero non temos ningunha opción que poidamos elixir que nos garanta uns principios éticos: unha opción bancaria que nos garanta que é respectuosa co medio ambiente, que nos garanta que non vai a invertir nunca en intereses armamentísticos.

Esto podería sonar a utopía pero, de feito, funciona polo mundo adiante e está funcionando aquí.

Sí, pero no devir histórico o momento previo á consecución de algo sempre foi unha utopía. No século XVIII o respecto dos dereitos e das liberdades das mulleres era tamén unha utopía, e houbo xente que se sacrificou e os conquistou e agora están normalizados. Eso foi así sempre.

A min, por exemplo, gustaríame que o meu banco concedese créditos a proxectos rentables socialmente aínda que non dean beneficios. É iso, por exemplo, un dos obxectivos da banca ética.

Claro, ese é un dos piares básicos do que é a banca ética. A banca convencional unicamente invirte onde vai a ter ela beneficios económicos.

A banca ética, funciona coma un banco tradicional? Ter a miña conta, sacar cartos nun caixeiro…

Esa é a meta a conseguir, nós acreditamos que en menos de cinco anos poidamos dar ese servizo á cidadanía. Hoxe, estamos nun momento de facer o músculo social, co tecido asociativo e da cidadanía do común, que permita conseguir esto. Para esto, o que temos que facer é a consecución da Licencia de Intermediación Financeira, que vén a ser, explicado dunha forma sinxela, que todo o mundo pode ter un coche e desprazarse dun sitio a outro pero que se queremos ter algún tipo de actividade económica on iso necesitamos unha licenza de taxista. Os bancos centrais, tanto o europeo coma os de cada Estado-Nación, tamén teñen unha licencia chamada Licencia de Intermediación Financeira e para esto temos uns requisitos, e un deles é depositar 5 millóns de euros como capital social. O modelo de Fiare o que fai é ter asociacións que se van sumando, colectivos e persoas a título individual que van mercando participacións en canto a capital social. A consecución dese capital social o que permite a esa xente é ser propietaria do banco.

Eu podería abrir unha conta na banca Fiare?

Unha conta corrente non. Ti, como persoa individual, poderías facer varias cousas. Unha é acreditar no que é o modelo e querer participar activamente nel e facerte
socio a través de depositar o capital social. En caso de persoas individuais son 300 €, en caso dunha asociación 600 € e dunha empresa ou dunha institución pública serían 1.800 €. Esa sería a forma de participar activamente formando parte do proxecto. Outra forma de participar é ser cliente. Para ser cliente a única opción que damos é facer un depósito, o que está bastante detallado no web de Fiare (http://fiaregz.com/), hai varias formas de depósitos, dende un mínimo de 200 € ata un mínimo de 3000 € con diversas modalidades en relación cos prazos. A terceira forma é que ti tiveras un proxecto que necesitara financiación. Entón, poderías solicitar unha axuda de financiación dese proxecto a través da banca ética.

É dicir, eu son un emprendedor, teño un proxecto, preséntollo á banca Fiare e imaxina que é unha explotación agropecuaria para o cultivo ecolóxico. Eu preséntovos o proxecto e vós decidides se é ou non é viáble segundo o que vós pensades, non?

Segundo dúas cousas. Unha é segundo un estudo de viabilidade económica, que o fan uns técnicos, pero eso non é o máis duro, o máis duro, falando en termos coloquiais, é a análise que vai facer a parte ético-social da nosa asociación. Temos un comité ético e social que vai a mirar o teu proxecto e vai a ver que tipo de relacións laborais tes, que tipo de relación con proveedores podes ter e cales son as condicións laborais se tiveras algún empregado ou empregada.

Este sistema está funcionando polo mundo adiante. Hai exemplos.

Si, en Europa hai dous modelos de banca ética que funcionan. Un é o participativo, que é onde está Fiare, que hai un exemplo en Italia que funciona moi ben, que é co que temos nós o convenio, a Banca Popolare Etica. E, en Francia, La Nef, que é un modelo tamén participativo, co que temos algún contacto. Logo, hai outro modelo, que se vén a coñecer como modelo anglosaxón, no que hai unha empresa ou unha fundación que decide crear unha banca con fins éticos. Entón, garanten que cos teus cartos non se vai invertir en nada que sexa perxudicial. Ese é o modelo de Triodos Bank, por exemplo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario