miércoles, 30 de noviembre de 2011

a revolta irmandiña - nº 1 - novembro 2011

a revolta irmandiña I - novembro de 2011

In dubio pro reo

E voltaram bretemas irmão
da pronta manhá rejurdida
seram fondas, estiradas, tupidas
levarão rio abaixo todos os cangalhos.

(Poderemos caminhar da cabalo delas)

Remaram cara arriva
os que a corrente seguiam,
mas não veram nada
porque só florecerán silvas.

Virá para os altos
cumes de neve branca
do fondo da ladeiras.
Nascerá gelo dos regatos.
Estalactitas!

Haverá após dos mortos
umha voz xorda e rota
que abrirá a terra agora ignota.
Um berro sim gorja
para quem esqueceu sua história.

Virá virá virá
as bágoas seram tam acedas
que não sairam.
Volverá volverá
aquela manhá.
Jorge Pérez Arias

A Compostela agochada

A Compostela agochada

Raúl Asegurado fala de banca ética


* Transcrición da entrevista realizada a Raúl Asegurado no programa Convivir en Igualdade, da Radio Galega, o 8 de novembro de 2011.

 
Pregunta - Que é esto da economía social?

Raúl Asegurado - A economía social é poñerlle un apelido a algo que non deberíamos, que é que a economía debería estar a disposición da sociedade e das persoas e non ao revés, a sociedade e as persoas ao servizo da economía. Como estamos nun momento en que esto parece ilóxico, trátase de revertir a un concepto máis lóxico.

Economía social, que teña preponderancia a cidadanía e non o empresariado, non a gran banca…

Non o Capital, digamos, en todos os sentidos. É poñer a primacía en que a economía o que ten que valer é para ser unha ferramenta para a promoción das economías das persoas e para a promoción das economías da sociedade, non que elas estén ao servizo dos intereses dos que acumulan o capital.

Como se pode conxugar economía social e desenvolvemento humano?

Son máis da corrente que acredita en que os límites do crecemento teñen que estar presentes en todo. Desenvolvemento humano, sí, pero non é un desenvolvemento económico. Penso que, en materia económica, para vivir mellor, para benvivir, teríamos que ir encamiñados cara un decrecemento, a baixar as cotas de consumo, de explotación da biosfera.

A redor de que elementos se move o que chamamos “economía social”? Empresa, mercado, propiedade, consumo…
 
"A cuestión da economía social é que en todos eses entramados da economía, da produción ou do consumo, haxa unha compoñente ética ou moral de todo aquilo que se fai; tanto se é unha empresa, que teña uns fins sociais positivos e que non promova calquer tipo de actividade económica, como se é unha que acumula capital e o fai en detrimento das persoas ou das condicións laborais da xente. É combinar a promoción económica sempre vencellada a uns valores sociais, medioambientais e éticos coa disposición do ben común da sociedade."

Chegamos ás palabras claves que son “banca ética”. En que consiste a “banca ética”?

O que pretende a banca ética é ir ao punto clave da lóxica do que agora coñecemos como ultraliberalismo, ou o capitalismo de mercado no que vivimos. Trátase de utilizar unha ferramenta que parece que só está a disposición de grandes compañías, de grandes empresas bancarias que fan unha acumulación enorme de capital e que invirten cartos en formas que os usuarios non podemos controlar, entón é reverter este sentido. É contruír un sistema bancario, primeiro, que sexa propiedade da cidadanía e dos movementos sociais e que non só sexa unha propiedade privada onde a xente pode invertir só para ter un crecemento do seu capital senón que se poña a disposición da cidadanía e que os cidadáns sexan capaces de controlar en todo momento cales son eses movementos de cartos. Por outra banda, unha cuestión importante da banca ética é que sexa algo significativo, é dicir, hoxe, absolutamento todos e todas temos un trato diario cun sistema financeiro – ter unha conta corrente, domiciliar pagos… - pero non temos ningunha opción que poidamos elixir que nos garanta uns principios éticos: unha opción bancaria que nos garanta que é respectuosa co medio ambiente, que nos garanta que non vai a invertir nunca en intereses armamentísticos.

Esto podería sonar a utopía pero, de feito, funciona polo mundo adiante e está funcionando aquí.

Sí, pero no devir histórico o momento previo á consecución de algo sempre foi unha utopía. No século XVIII o respecto dos dereitos e das liberdades das mulleres era tamén unha utopía, e houbo xente que se sacrificou e os conquistou e agora están normalizados. Eso foi así sempre.

A min, por exemplo, gustaríame que o meu banco concedese créditos a proxectos rentables socialmente aínda que non dean beneficios. É iso, por exemplo, un dos obxectivos da banca ética.

Claro, ese é un dos piares básicos do que é a banca ética. A banca convencional unicamente invirte onde vai a ter ela beneficios económicos.

A banca ética, funciona coma un banco tradicional? Ter a miña conta, sacar cartos nun caixeiro…

Esa é a meta a conseguir, nós acreditamos que en menos de cinco anos poidamos dar ese servizo á cidadanía. Hoxe, estamos nun momento de facer o músculo social, co tecido asociativo e da cidadanía do común, que permita conseguir esto. Para esto, o que temos que facer é a consecución da Licencia de Intermediación Financeira, que vén a ser, explicado dunha forma sinxela, que todo o mundo pode ter un coche e desprazarse dun sitio a outro pero que se queremos ter algún tipo de actividade económica on iso necesitamos unha licenza de taxista. Os bancos centrais, tanto o europeo coma os de cada Estado-Nación, tamén teñen unha licencia chamada Licencia de Intermediación Financeira e para esto temos uns requisitos, e un deles é depositar 5 millóns de euros como capital social. O modelo de Fiare o que fai é ter asociacións que se van sumando, colectivos e persoas a título individual que van mercando participacións en canto a capital social. A consecución dese capital social o que permite a esa xente é ser propietaria do banco.

Eu podería abrir unha conta na banca Fiare?

Unha conta corrente non. Ti, como persoa individual, poderías facer varias cousas. Unha é acreditar no que é o modelo e querer participar activamente nel e facerte
socio a través de depositar o capital social. En caso de persoas individuais son 300 €, en caso dunha asociación 600 € e dunha empresa ou dunha institución pública serían 1.800 €. Esa sería a forma de participar activamente formando parte do proxecto. Outra forma de participar é ser cliente. Para ser cliente a única opción que damos é facer un depósito, o que está bastante detallado no web de Fiare (http://fiaregz.com/), hai varias formas de depósitos, dende un mínimo de 200 € ata un mínimo de 3000 € con diversas modalidades en relación cos prazos. A terceira forma é que ti tiveras un proxecto que necesitara financiación. Entón, poderías solicitar unha axuda de financiación dese proxecto a través da banca ética.

É dicir, eu son un emprendedor, teño un proxecto, preséntollo á banca Fiare e imaxina que é unha explotación agropecuaria para o cultivo ecolóxico. Eu preséntovos o proxecto e vós decidides se é ou non é viáble segundo o que vós pensades, non?

Segundo dúas cousas. Unha é segundo un estudo de viabilidade económica, que o fan uns técnicos, pero eso non é o máis duro, o máis duro, falando en termos coloquiais, é a análise que vai facer a parte ético-social da nosa asociación. Temos un comité ético e social que vai a mirar o teu proxecto e vai a ver que tipo de relacións laborais tes, que tipo de relación con proveedores podes ter e cales son as condicións laborais se tiveras algún empregado ou empregada.

Este sistema está funcionando polo mundo adiante. Hai exemplos.

Si, en Europa hai dous modelos de banca ética que funcionan. Un é o participativo, que é onde está Fiare, que hai un exemplo en Italia que funciona moi ben, que é co que temos nós o convenio, a Banca Popolare Etica. E, en Francia, La Nef, que é un modelo tamén participativo, co que temos algún contacto. Logo, hai outro modelo, que se vén a coñecer como modelo anglosaxón, no que hai unha empresa ou unha fundación que decide crear unha banca con fins éticos. Entón, garanten que cos teus cartos non se vai invertir en nada que sexa perxudicial. Ese é o modelo de Triodos Bank, por exemplo.

Gramsci - Odio os indiferentes

Gramsci _ Odio aos indiferentes

O fascismo avanza baixo "formas democráticas" - H&H: REPÚBLICA DE WEIMAR EN LILLIPUT

H&H: "O pobo que non coñece a súa historia está condenado a repetila".

Andaba eu a remexer antonte, de madrugada, nunha vella cómoda arrombada no faio da nosa casa, na percura duns documentos hai tempo xa traspoleirados, mais que agora precisaba arrecadar. Néstas, no batifúndio de aquiles caixóns ateigados das chirimboladas máis diversas, emergullaron as lapelas dunha carpetiña amarela, ou millor diría amarelecida, que puña escrito da miña man 'orixinais en balde'. Díxenme: "outra máis" -poisque delas háivolas abondas, ciscadas polos recantos máis insólitos da casa entremedias de feixes inordes de papeis ás veces atados con bramante, ou amoreados en caixas de cartón, ou como neste caso, recluídos en caixóns, gavetas ou lacenas a porta pechada, ao xeito do inferno do 'Huis clos' de Sartre. Con todo, a curiosidade incitoume a fisgar no contido da carpetiña: varios fascículos de manuscritos, con cadanseu clip, dous diles con copia mecanografada na miña vella máquina elétrica, hai tempo xa difunta, e datados en xuño do 1993, ún mesmo esactamente na noite do San Xoán. Non tiña na memoria pegada ningunha de telos escrito, mais despois de lélos e tida conta das datas, cadraban co episodio da miña expulsión do Parlamento galego, decretada polo daquela seu Presidente, o finado Vitorino Núñez, en execución das ordes de Fraga, no proceso de amputación da lei reguladora da cámara e demouca dos dereitos da oposición. No entanto, o contido de un diles, ou se queredes a parábola que relata, pareceume tan transladábel ao proceso que estamos a vivir e ao desenlace eleitoral do vindeiro domingo, que non me non resisto a transcribírvolo eiquí e sometelo á vosa consideración. Deste xeito, ademáis, cedo ás benguiadas reclamacións de algúns de vós e crebo -inanque só sexa por un día- o mutismo de palabra escrita no que me mantiña desque o nazinecio poder tatexo autoanémico asasinara o 'Galicia Hoxe' que daba acollida ás miñas prosmeiras prédicas dominicais.

H & H: REPÚBLICA DE WEIMAR EN LILIPUT

Cóntannolo os bos libros de Historia -esa literatura decote subversiva por ser veraz, e que portanto o sistema disuade cada vez máis procazmente de lér. Foi o caso nun cultísimo país da moi civilizada Europa. Aconteceu alí a instrutiva peripecia da resistíbel ascensión ou medre 'contra natura' dun anano mental e moral que nomearemos abreviadamene Hit, no colo dun mastodonte con miolos de cuspe de grilo que, tamén por abreviar, chamaremos Hind.
Había nesa altura no tal país un rexime político moi versallescamente democrático e, para máis señas, republicán. Un rexime de moles liberdades xurdido despois dun grorioso período reaccionário como é debido, de guerras e de império, alí coñecido e numerado até duas veces como Reich, e que desembocara nunha igualmente groriosa ruina, co fachendoso arruallo nacional a pedir por portas, ou sexa, humillado e endebedado polos catro costados ou pontos cardinais.
Levaba a liberal constitución dese rexime o nome dunha vella cidade até daquela coñecida no mundo por algo tan distante e contraposto á política e aos xurisconsultos como son as artes da música e da poesía, quer sexa Goethe, Schiller ou Liszt: Weimar. Para culmen de fatalidades, no punto e hora en que comeza a historia ou esperpento de H & H, ou Hit & Hind, desencadeárase en todo o hemisferio darredor dese civilizado e cultísimo país a crise económica e drama social máis graves de tódolos tempos modernos, co consabido correlato de descomposición moral e destrago de valores éticos estabrecidos de antigo, que os santos padres de turno se apresuraron a condear urbi-et-orbe sen perda de tempo, para adverténcia dos homes todos de boa vontade -que desventuradamente resultaron ser ben poucos, mália que escolleitos.
É xusto nese intre preciso, como por un casual, cando ao anano mental e moral nomeado Hit dáselle por botarse a medrar, contra tódalas leis da natureza, insisto -e máis coa desnutrición e fame que aló inzaban por mor da crise, e que il pasaba tamén poisque tampouco niso a fortuna o agraciara. Medra primeiro nos herbais dun recanto verde do grande país: na Bavaria -cousa distinta da Babia, e disimule o perspicaz leitor. A seguida, un mangado de trogloditas fosilizados no paleozoico, mais que o cámbeo climático inducido pola crise devolvera á vida tansiquer vexetativa, con megafonía a esgalla, e cun desleigado mintirán enveleñado nas universidades pola decadéncia de oucidente e especializado en difundir infundios e falacias como quen larga matute con envoltorio de cousa fina, o tal Hit, anano saltarín, salta, faltaría máis, e en só dous anos, de ter 12 a obter 107 acólitos empoleirados nas cortes lexislativas do país en custión. Non satisfeito con iso, noutros dous anos máis estírase até 230 escanos ocupados polos seus sosias, igualiños todos a il e máis antre si coma cagallas de merda ou gasto do mesmo bicho. E tudo moi democrático, por sufraxio universal, libre, individual e segredo dos cultísimos e civilizados cidadáns do espello de oucidente que era o tal país.
Acadada esa estatura, o Hit arrepónselle ao Hind en eleicións presidenciais, humíllao, faino pasar á segunda volta e arrepáñalle nada menos que o 37% dos votos. Nunca tal vira nen imaxinara o mangallón do Hind, vellote que en tempos fora home de armas tomar, heroi coas armas vencido mais, con todo, símbolo inviolábel da honra nacional posta a salvo. E máis, inda non reposto do abraio, bambeante a atoutiñante coma os homes de ferro teutóns descabalgados por Alexander Nevsky sobor do xeo do lago que a seguida os engulira, o big Hind -como xa daquela deran en alcumalo os raposeiros cinéfilos do entón- axiña ía ter que presenciar algo inconcebíbel polo seu maxín -poisque imaxinación, o que se di tal, o cuspe de grilo non é que dea pra moita. Tivo, nefeito, que mirar ao Hit convirtido en xefe de governo co apoio duns semifusos que se dicían centristas e nacionalistas, seguidores dun tal Papón-Nunes, que coidaban que os deputados chamábanse así polas deputacións -e inda menos mal con esa opción semántica- e que, enfin, praticaban o nen si nen non senon todo o contrario, ou sexa, mande vostede, patrón.
Á marxe ficaban uns señores moi formais, finos e comedidos, que invocaban a socialdemocracia e tiñan rango de segunda forza na cámara que inda daquela era de representantes que non de gas. Asosegados e impertérritos, por estimaren que a cousa non ía con iles, non perdían a calma por mixiricadas tais como as ocurrencias do Hit. E en frente... Boh!, en frente só combatían 81 garulos atrabiliarios que vistían raro, non cortaban o pelo por riba das orellas como estaba mandado, e predicaban unha cousa esotérica, moi axiña extinta, que iles chamaban comunismo. Éranvos tolos incendiarios natos. De xeito que ao Hit non lle custou nen chisco convencer á caste política e máis a toda a clase meia do país, que xa daquela se declaraba unánimemente apolítica e mesmo por iso votaba en masa ao Hit, de que aquiles garulos incendiaran nada menos que o pazo do Parlamento -que ali chamaban Reichstag, asi de raro. Prendeunos a todos, craro é, e con toda xustiza. E así puido o Hit facer aprobar polo Reichstag unha lei na que o tal Reichstag se suicidaba, colectiva e institucionalmente, pasándolle a Hit, nos mesmiños fuciños dun estupefacto Hind, plenos poderes para governar e lexislar por decreto á marxe desas liberaloides institucións obsoletas, custosas, molestas e insalubres que eran a cámara lexislativa e máis o paspán do Hind, aínda Presidente.
De alí en diante, todo foi como as proprias rosas. Hit suprimíu tódolos sindicatos (agás o seu), tódolos xornais de partidos (agás do seu tamén), e finalmente tódolos partidos (agás, obviamente, o seu: algún tiña que haber). Anticipouse á imaxinación de Orwell convirtindo ao desleigado mintirán xa aludido -agora relembro que o chamaban Pequeno-Goeb- en xefe do Ministerio da (Única) Verdade, con poder absoluto sobor dos mass media a-políticos restantes. Puxo en prática o antiquísimo aforismo de que "a rúa é miña", facendo efectivamente donos da rúa aos seus candorosos e animosos plebeios, orgaizados nunhas siglas equívocas: as SA, disque. Mais cando, bébedos de 'ardor combativo', empezaron a criarlle incordios cos profisionais das armas, fixo que os plebeios fosen liquidados polos aristócratas -istes tamén con siglas equívocas: as SS, seica. E digo "disque" e digo "seica" porque a min aprendéranme que, no mundo normal, para os plebeios está a Seguridade Social, e as Sociedades Anónimas en troques están para os plutocráticos aristócratas. Mais, ben mirado, é obvio que o país desta historia de H & H non era o mundo normal, senón o mundo ao revés. Abrevio. Finalmente, palmou o big Hind, e o anano Hit, que tanto medrara que xa lle cabía todo o Estado na cabeza, xuntou na sua persoa a xefatura de governo, o poder lexislativo e máis a xefatura do Estado. Hala!.
Miragreiramente, o maravilloso enxendro nacía como desenlace dun proceso 'nidiamente' democrático, desenvolto coa forza dos votos nas institucións deseñadas pola constitución de Weimar. E o povo foi totalitariamente feliz: aclamacións clamorosas, concentracións imensas en campos ad-hoc ou fóra diles, milleiros de instrumentistas e coristas multiplicando exponencialmente os decibelios da música de Wagner, fartura de grandeza nacional e de produción de aceiro comestíbel, e moita máis bendición de dios que omito eiquí, foron nourritures terrestres abondosamente ofrecidas e consumidas pola cultísima e civilizada cidadanía de 'escravos felices' dese país de fábula -mal que lle pesase xa daquela ao tácitamente citado Gide e outros pederastas e comunistas coma Bertolt Brecht, que pretendían ter razón iles sós frente á evidencia da felicidade das masas e dos votos nun energuménico orgasmo nacional inenarrábel. E así remata a peripecia ou esperpento de H & H, ou Hit & Hind, con este final feliz indiscutíbel, tanto para Hit que accedeu temporalmente á groria imperial neste mundo, canto para Hind que descansa eternamente na groria celestial do outro.
Cóntannolo os bos libros de historia, os veraces, dixen. Só nunha cousa penso que se enganan ou erran -pois mintiren non é cousa conciliábel con seren veraces. Penso así eu porque niles pónselle ao país do esperpento en custión o nome dun lugar ou topos inexistente. Vós diredes, leitores: chámano Galiza. Engano ou erro enormísimos, non si? Xa dicía eu! porque o nome verdadeiro non é ise. O nome verdadeiro é Liliput. Ou tampouco, meu señor Swift?

Reboraina de Aguiar, xuño do 1993.

EDITORIAL [11-2011]

Iniciamos con este número de novembro de 2011 a terceira etapa do voceiro Revolta Irmandiña, co ánimo de dotármonos dun novo instrumento encamiñado a mellorar a nosa formación, a de toda a militancia do Encontro e especialmente das mozas e mozos que simpatizan ou militan no EI. Por iso, compuxemos un Consello Editorial para este voceiro, a revolta irmandiña, e máis para o blogue Á revolta entre a mocidade, tentando así gañar en transparencia, calidade e utilidade, Consello Editorial que segue aberto a colaboracións.
           
A nosa vontade é que o voceiro da mocidade irmandiña, a revolta irmandiña, saia en formato dixital unha vez cada mes - e, de cando en vez, algunha edición en papel para ocasións especiais -.

Ademais da sección de Opinión - da Galiza e do Mundo - temos un espazo para as comunicacións do Encontro Irmandiño e outra coas actividades do Grupo de Traballo de Mocidade desta organización.

No aspecto máis estritamente formativo, incorporamos as recomendacións de libros e a sección Coñecermos os clásicos, onde iremos disponibilizando textos clásicos da tradición da esquerda e do galeguismo. Desta volta comezamos cun de Antonio Gramsci, mais da súa xuventude. Non podía ser doutro xeito, abrimos cun mozo intelectual porque queremos que a nosa sexa unha revista formativa para a nosa militancia, pois unha das grandes eivas da esquerda europea actual é o seu baixo nivel de formación cotexándoa con xeracións anteriores de militancia. Esa é unha grande e dramática vitoria do sistema, pois descoñecer o capital cultural da esquerda nas súas diversas loitas e etapas é ficar un pouco máis eivados para elaborar estratexias e respostas aos retos aos que nos enfrentamos. Amais, é un texto de grande actualidade pois o movemento dos  “indignados” aliméntase cada día máis aínda que superara a etapa da manifestación espontánea das prazas sen dar entrado na fase da “rebelión” e da “organización”, ou sexa trascender a “sociedade civil” para chegar á “sociedade política” e desde aí tomar o instrumento de clase que é o Estado para mudar o actual estado de cousas. “Sociedade civil” e “sociedade política” son precisamente categorías que tamén lle debemos a Gramsci, así como “hexemonía” presente nos textos asembleares da III AN do Encontro Irmandiño.
Serán seccións fixas a Entrevista, desta volta a Raúl Asegurado, que fala sobre banca ética, Coñecermos Galiza, que comeza coa “Compostela agochada”, e a Folla de poesía revolucionaria.

Boa leitura!

As eleccións do 20-N

Lamentamos a maioría absoluta da “caverna española” que representa o Partido Popular polo que supón de perigo para os dereitos democráticos e para o benestar das maiorías sociais que van ser duramente agredidas.

Valoramos positivamente que Galicia conserve representación nas Cortes, polo que supón para o noso País cando menos seguir contando con representantes nas instancias estatais, precisamente nun momento no que se produce unha meirande presenza doutras forzas nacionalistas do resto do estado, especialmente das forzas políticas vascas.

Finalmente, lamentamos que o BNG, cunha baixada de perto de 30.000 votos, fose incapaz de recoller a sangría que o PSOE tivo pola esquerda e que foron a engrosar os números de Izquierda Unida que duplica a súa forza electoral na Galiza, mentres o nacionalismo, en teoría mellor preparado para recollelos, fica cunha perda de votos significativa.

Cara a refundación do BNG

No Encontro vimos defendendo dende 2006 unha necesaria rexeneración ética e política do BNG para que volva ser un referente político da sociedade galega máis consciente, que teña vontade de liderar un proceso emancipador, no plano social e nacional, e que materializamos nas nosas propostas para a Asemblea Nacional do vindeiro xaneiro.

Colabora no noso voceiro

Podes formar parte deste proxecto participando no Consello Editorial, enviando os teus artigos para publicar ou ben Cartas ao Consello Editorial, todo no enderezo electrónico mocidade@encontroirmandinho.org

As fotos deste número son de X. M. Pena [páx. 8-25-30-31], Jorge Pérez Arias (portada) e de Paula Vázquez Verao [páx. 6]. O resto son tiradas da Rede, salvo as da sección Coñecer Galiza, que son de Juan G. Segade.